Monday 06 de May de 2024

O Concello continúa a mellorar a rede de camiños municipais cunha actuación no lugar de Loutoño


• Os traballos contaron cun orzamento de 46.500 euros financiados a través de fondos FEADER.

O Concello de Malpica completou unha nova actuación dentro do seu plan de mellora da rede de vías do termo municipal. Nos últimos días finalizáronse os traballos de adecuación nun camiño no lugar de Loutoño, na parroquia de Cambre.

O proxecto contou cun orzamento de 46.477,83 euros, dos cales 38.416 correspóndense a unha axuda do plan europeo FEADER. A través desta subvención continúanse executando melloras en camiños do rural para facilitar a accesibilidade ás fincas dos agricultores do municipio.

Entre as tarefas que se realizaron estivo a limpeza e retirada da vexetación existente e a ampliación das marxes do camiño. Procedeuse tamén á retirada de escombros, a apertura de cunetas, nivelar o terreo e compactar o mesmo para a súa pavimentación.

Co obxectivo de facilitar a súa conservación ó longo dos anos, incorporouse a canalización de augas mediante a formación de taxeas e as embocaduras correspondentes, con especial coidado nos cruces con outros camiños.

O goberno local destacou a importancia desta actuación para a comunicación do lugar “e para responder á alta demanda por parte da veciñanza da zona polo uso da vía”. “Seguimos traballando para mellorar a nosa rede de camiños do municipio, un dos nosos obxectivos prioritarios cada ano”, engadiron.